Sempre fun consciente de que o destino último e definitivo da miña alma pecadora era o de chamuscarse per secula secolorum nas profundidades do Inferno, baixo a atenta e vixiante mirada de tódolos demos e diaños. Dende que teño uso de razón, case nada do que me justa facer se libra da consideración de pecado por parte da Santa Madre Igrexa Católica Apostólica e Romana. Así que, como din os rapaces, téñoa clara.
Nun principio sumábase a esa terrible certeza a tenebrosa sensación dun irracional terror, alimentado con saña digna de mellor causa, por sermóns coma os que escoitaremos na semana que se aveciña, por exemplo. Iso de que Pedro Botero (e non me refiro a este , senón a estoutro) estea veña a remexer no aceite fervendo (supoño eu que polo menos de oliva) da caldeira na que te cociña por toda unha eternidade a toda pastilla, (ou aljo menos, dependerá do prezo do petróleo, dijo eu), non resultaba para a miña mente infantil unha perspectiva nada alentadora.
A pesar do que, unha e outra vez caia en tódalas tentacións e cometía pecados de todo tipo, un tras outro, mortais e veniais, de pensamento, obra ou omisión...Sen facer, por outra parte, moito nin pouco por evitalo, sabendo como sabía, que para iso chapaba o catecismo, que, despois de todo, cunha boa confesión a tempo todo podería ter amaño.
Claro que sempre penduraba sobre a miña cabeza a espada de Damocles de morrer inconfesado, motivo máis que suficiente para merecer o castijo do churrascado eterno.
Co paso do tempo, superadas as agonías infantís, chejei á conclusión de que, como ben di Víctor Manuel, “en el infierno no se está tan mal”…E iso por múltiples razóns.
Non me imaxinaba eu, en primeiro lugar, nada ledo de estar toda a eternidade extasiado coa contemplación do rostro divino, por moi divino que este fose, que era o premio á túa boa conduta de toda unha vida na terra. Rodeado por todas partes, por riba, de monxas, curas, bispos e cardenais de todo tipo e condición. ¿Imaxinádevos por toda a eternidade na compañía de Rouco Varela? So de pensalo un calafrío recórreme o espiñazo de arriba abaixo.
Mentres, para máis inri, aló abaixo, nas profundidades do Averno, estaría a xente coa que un se imaxina que o pode pasar mellor, todas esas almas felizmente descamiñadas que tan agradable che fan a vida a cotío… Así que, pensándoo ben, mellor o inferno, que malo sería que non se acabase o combustible aljún día.
Pero veu Juan Pablo II e dixo que o inferno non era un sitio físico ó que un puidera viaxar, nin sequera coa axuda do TomTom, senón outra cousa un tanto difícil de comprender para min, non moi espelido e profundamente alleo ás cuestións teolóxicas, polo que non vou cometer a torpeza de estenderme no asunto. En conclusión que non habia inferno, acabouse, hai que foderse, agora que xa lle perdera o medo…
Así que unha de dúas: ou ías para o ceo, ou quedabas nese estado un tanto indefinido do que o único que nos aclaraban é que estarías enternamente privado da contemplación do rostro divino. Iso, pensaba eu, ben pode supoñer un alivio, mesmo para a alma máis contemplativa, pero non tanto como para compensar as notables carencias que supón a eliminación do Inferno.
Xa andaba eu veña a cavilar en como sería esoutro estado que viña a ocupar o sitio do Inferno de toda a vida, cando Benedicto doume a alejría de resucitalo de novo, ó Inferno quero dicir, que mesmo xa empeza a parecer un inferno de todo a cien, deses de quita e pon. Supoño eu que sería para compensar a eliminación do limbo, que ó parecer si que non se atopa por ningures.
¡Menos mal! Así que aquí temos de novo, despois dun tempo desaparecido en combate, ó inferno eterno, como ten que ser. E xa poden os de TomTom reprogramar os seus navegadores …
E ademais, agora si que vai haber marcha aló abaixo, coa definición dos novos pecados. Mira ti por onde baixar música de internet é pecado, non sei de que categoría pero pecado. Así que cos que levo cometidos non me salvaría do inferno nin o mismísimo San Pedro, aínda que resucitase exclusivamente para tal fin e dedicase tódolos seus divinos esforzos en exclusiva a esa única tarefa.
Tamén seica é pecado ser rico en demasía, e nin aí quedo eu tampouco libre de culpa, vaia polo demo, a pesares da miña contumaz probeza, porque tódalas semanas xojo a primitiva, os cejos, a lotería, ó bonoloto, ós euromillones e a quiniela…Polo que un día si e outro tamén cometo pecado tras pecado, senón de obra si de pensamento... O que ós efectos que nos ocupan venche sendo o mesmo.
Que dijo eu, abundando neste punto: ¿Isto dos novos pecados, dende cando empeza a contar? ¿Ten carácter retroactivo? ¿Ou só pasan a ser pecados dende o día que saen publicado no boletín vaticano, se o hai? ¿Os que descarjaron música o ano pasado, por exemplo, que pasa con eles? E os que xa son ricos e agora tanto lles ten, e non queren máis, ¿pecan ou non pecan? ¿Teñen que devolver todo canto teñen?
Falando diso, a Igrexa Católica, ¿terá que devolver eses miles de millóns que ten por aí invertidos no que non debe? ¿Ou é que fai a inversión con ánimo de perder cartos e ser menos ricos e poderosos?
Non sei, non sei, dame a min que este conto hai que pulilo aínda moito máis.
Espero que, polo menos, os que cometan o pecado de baixar o Ciqui-Chiqui reciban a cambio o perdón eterno, que bastante tortura teñen con escoitalo, dijo eu...
En fin, meus amijiños, parodiando a Alfredinho nas súas crónicas, vémonos no inferno.
Dijo eu
¿Ou non?
chuzame -