¿O que vimos onte na televisión pódese definir como “debate”?
Na miña opinión, si e non...
Si, se lle damos a consideración dun debate parlamentario. Cada un fala do que lle convén, e o outro replica cando acaba o anterior. Normalmente convértense en monólogos sucesivos, nun “diálogo para besugos”, como se dicía nun tebeo da miña infancia.
Non, se consideramos o termo debate no seu amplo sentido: debater é discutir, polemizar, controverter, contestar ó que se pregunta…No debate de onte non houbo case nada diso. Todo estaba perfectamente controlado, consensuado, avaliado, medido, valorado. Que si o tempo, que si as cámaras, que si a temperatura, que si a mesa….Unha mágoa.
E o que é peor: o papel do periodista. Un home como Manuel Campo Vidal, excelente periodista que podería perfectamente introducir preguntas incómodas, e polo tanto clarificadoras, para os dous candidatos, tivo que limitarse, supoño que ben ó seu pesar, a facer de cronometrador. Decepcionante.
En canto ó contido dos “monólogos sucesivos”, a verdade é que a min impórtame un figo, para non ser mal falado. ¿Por qué? Pois básicamente porque xa sei que o falar non ten cancelas e porque neste aspecto teño as ideas clarísimas. Así que nada do que digan ou deixen de dicir calquera dos dous vai ter a máis mínima influencia no meu comportamento o vindeiro día 9 de marzo.
Así que, vou ir a votar, como tiña pensado, e votarei por quen tiña pensado.
Vou ir a votar, porque fai tempo que decidín que nunca deixaría de ir a votar. Cheguei a esa conclusión despois de convencerme de que a miña abstención favorecería sempre á dereita. Así que debatan ou non debatan este menda vai ir a votar. Sempre. Moitos cidadáns de esquerdas deste país, sejuramente demaiado escrupulososos, deixan de ir ás furnas, lexitima pero erradamente, como modo de protesta, decepcionados moitas veces pola política conservadora dos seus. Eu comprendo perfectamente esa postura crítica (que por outra parte parece ser patrimonio da esquerda), pero sopesados con calma tódolos argumentos, concluín que iso era tirar pedras contra o propio tellado.
E vou votar por quen tiña pensado, descartado lóxicamente, por motivos de incompatibilidade antropolóxica, o voto á dereita, a calquera dereita, pero moito menos a esta dereita troglodita que padecemos.
Entón ¿Para que me serviu o “debate”?
Pois basicamente para incrementar o meu nivel de repulsión ás ideas que transmite este homiño teledirixido chamado Mariano. Simplemente por iso xa mereceu a pena.
En canto ó contido en si, poucas novidades. Pero interésame resaltar aquí un aspecto que empeza a ser preocupante. Refírome a esa perigosa deriva do PP en materia de inmigración, cada vez máis próximo a posicións puramente xenófobas, propias da extrema dereita europea tipo Le Pen. A intervención de Mariano Rajoy neste punto vai claramente na liña de espertar os peores sentimentos da xente. Invítovos a que a repasedes con calma.
Como mostra dos perigos deste tipo de mensaxes, (¿recordades ó inefable Cañete co asunto dos camareiros?) un botón. Finalizado o debate, unha periodista dunha cadea de TV, non recordo agora cal, preguntaba na rúa as impresións da xente. Unha rapaza nova, moi espelida ela, dixo que ía votar a Rajoy, claro, e que Zapatero, como decía a súa nai (que debe ser unha persoa moi ocorrente) debería adicarse a “tus zapatos”. E engadiu, toda dispostiña ela, un chiste cargado de inxenio, non sei se de colleita propia ou da nai que a pariu. Máis ou menos era así:
Zapatero padece el sindrome de Diógenes: toda cuanta mierda encuentra por el mundo la trae para España.
A mensaxe, como vedes, vai calando.
Dijo eu.
¿Ou non?
chuzame -