Archive for decembro, 2007

REFLEXIÓNS…E CERRE.

« 30 decembro 2007 | 22:14 | Dijo eu ¿ou non? | 11 Comments »

I.

Non tiña pensado escribir nada sobre este punto que segue, que estou moi acougado ultimamente porque estas festas sempre me apampan máis do imprescindible, pero o comentario de Silvana fíxome reaccionar, que case sempre ten a virtude de alporizarme esta rapaza de Lemos. O que lle agradezo profundamente, dito sexa de paso.

Dime ela se non sería que perdín a mensaxe do Borbón, e coma sempre, equivócase, que o seu é escribir textos literarios, e iso faino tan ben que da mesmo xenio vela, ou mellor dito léela, pero no tocante a temas políticos (e musicais...), non anda tan fina. (Agora tiña que poñer aquí un bonequiño sorrindo, pero non sei como se fai neste conto, nin teño tempo de aprender, que se fai tarde).

Pois claro que non perdín o discurso do monarca, nin ela tampouco, ni ningún de vos, pola sinxela razón de que o Rei non escribiu ningún discurso. Claro que tampouco chejei a tempo (¡vaia por deus!) de escoitar o discurso que lle escribiron...Pero tampouco importa moito, porque ven sendo máis ou menos o que lle escribiron o ano pasado, e o anterior e o outro: catro ou cinco obviedades nas que está todo fillo de veciño de acordo e a cear. ¡Que fácil é ser rei! E por riba nin sequera tes que competir con ninguén, que che ven dado pola xenética, e xa podes ser más panoco que o que asou a manteiga, que sendo fillo do Rei, serás rei...a non ser que volva, dunha puta vez, a República.

E deste xeito restauraríase, de paso, a democracia neste país, porque resulta evidente para calquera bípede pensante que mentres haxa monarquía non pode haber democracia. Non lle demos voltas, resulta evidente que a expresión Monarquía democrática é unha contradictio in terminis.

Así que, primeiro desexo para o vindeiro ano: ¡Saúde e República!

II

Acabo de ver tamén no Reino de Galicia, outra parvada polo estilo ó discurso do Borbón: o ofrecemento do Alcalde de Compostela ó Apóstolo.

Non sei eu, nin quero saber, si noutras latitudes se estilan tamén ceremonias tan rancias coma esta, pero sería de desexar que tal costume se desterrase para sempre. Por dúas razóns, alomenos. A saber:

Unha: que a relixión debe pertenecer, algún día será así, á esfera do privado, e a política, polo contrario, á esfera do público. Mesturar estas cousas é un síntoma de subdesenrolo difícil de enteder. Cada un pode ter ás creenzas que considere oportunas, e todas elas merecen respecto, sempre que sexan respectuosas, á súa vez, coas demais.

Dúas: ¿pero non son os políticos os que teñen que solucionar os problemas, que para iso lles pajamos? ¿A que ven, entón, isto de pedirllo ó santo que os solucione el? Esta estupidez é especialmente grave cando todos sabemos, e os primeiros en sabelo son os intérpretes da comedia, que o Apóstolo non está ou non contesta dende fai unha chea de anos. Son coma nenos, pero nenos estúpidos. O pior é que non lle vexo eu moito remedio.

III

Nunca me justou facer prognósticos, mellor dito nunca os fajo, máis que nada porque nunca acerto nos meus agoiros. Así que tampouco me vou atrever agora cos vaticinios sobre o que pasará ou non no 2008.

Pero dunha cousa estou razoablemente sejuro: que o diario El Mundo sejirá na súa liña de periodismo serio e rigoroso, ata dar co agocho do ácido bórico, que sejuramente estará na mochila ou na Kangoo, xunto da cinta de Mondragón, ou na Moncloa, vaya usted a saber, e demostrará, sen lugar a dúbidas, que o do 11-M foi unha confabulación dos sociatas, encabezados por Felipe González, e a banda ETA.

E para que vexades a que tipo de periodismo me refiro aquí vos deixo este irrefutable documento gráfico...

Chuzame! chuzame -


UNHA NOITE EN URXENCIAS

« 19 decembro 2007 | 18:14 | Dijo eu ¿ou non? | 17 Comments »

Chamamos á ambulancia a iso das 11:15 da noite de onte, martes 18 de decembro de 2007, e o certo é que foron moi rápidos, moito máis ca eficaces, que a venda seica non estaba moi ben posta, como nos aclarou posteriormente a doutora que atendeu a miña sojra.

Así que serían as 11:30, minuto arriba ou abaixo, cando entrou a miña muller con ela nas dependencias de Urxencia da residencia Arquitecto Marcide de Ferrol, que eu fun un pouco máis tarde pola miña conta.

A causa fora un leve accidente, un desgarro nunha perna que precisaba uns puntos de sutura. Tema de escasa importancia e, en principio, de pronta solución; polo que fixen os meus cálculos máis pesimistas e supuxen que nun par de horas ben poderían facerlle as curas.

Pero o certo é que chejamos de volta ás 5:30 de hoxe, mércores 19 de decembro de 2007. Facendo cálculos ven a resultar que estivemos cunha anciana de 91 anos nada menos que 6 horas para poñerlle outros tantos puntos de sutura, o que ven dando unha media de un punto por hora. O acto médico en si non durou nin media hora, e debo dicir para ser xusto que nesa lapso de tempo todo foi amabilidade e trato extraordinario por parte da doutora e as enfermeiras encarjadas do caso.

Foi ela, a doutora, unha rapaza nova e atentísima, a que me veu a dicir, cando lle tirei un pouco da lingua, que eran só dous médicos para atender tódalas urxencias. E, claro, viñeran un par de casos críticos que supuxeron unha demora aínda maior da habitual…

Cando saímos, alí quedaba, por exemplo, un rapaz de Ares que entrara coa súa nai ás 9 da noite, e outro de Narón que baixara a raios naquel momento a facerse unha radiografía pola que levaba case 5 horas esperando. Tamén me dou tempo de facer amizade cunhas monxiñas encantadoras que viñan dende Ortigueira, e que estiveron alí dende as 10 da noite ata as 4:30 da madrugada.

E alí quedaba tamén un ex-alumno meu, que leva tempo camiñando cara o abismo e agora parece que atopou, definitivamente, a porta de entrada. Saíra onte mesmo da cárcere, que non comprendo eu como se pode botar á rúa a un home nesas circunstancias, pero o certo é que alí estaba, e a pesares do seu lamentable estado recoñeceume e alegrouse de verme, e acordouse con un sorriso nos beizos das clases de ximnasia que eu lle dera fai máis ou menos 30 anos, e daqueles partidos de fútbol que a el tanto lle gustaban. Era Serafín un neno vago e pouco estudoso, pero dunha bondade extraordinaria, un estupendo compañeiro e un bo deportista. Un bo rapaz.

Fago un inciso aquí para cagarme na puta que pariu a tódolos traficantes de drojas deste puñetero mundo, e, en especial, a aqueles que se acercan ós nenos.

Foi con diferencia este encontro o que peor me fixo sentir ó longo de toda a noite. Falando coa nai, a resignación feita muller, relatoume que o irmán estaba igual ca el, pero en cadeira de rodas e que xa non sabía que máis podía facer, porque a desesperación máis absoluta facía tempo que quedara pola popa, e non era capaz de albiscar o final do túnel.

Nese momento sentín unha tremenda impotencia, e tamén, porque non dicilo, unha íntima e dolorosa sensación de fracaso no meu traballo de tantos e tantos anos.

Despedímonos con bagoas nos ollos.

E o cabreo que tiña pola espera de tantas e tantas horas, e a calamitosa situación do servizo de urxencias da residencia de Ferrolterra, pasaron a un sejundo plano.

Chuzame! chuzame -


AGGIORNAMENTO TANATORIAL

« 15 decembro 2007 | 11:39 | Un sorriso, por favor | 10 Comments »

Xa se sabe, que as penas con pan son menos...

Estos de "Vaya Semanita" son o demo maior.


Dijo eu

¿Ou non?

Chuzame! chuzame -