Archive for setembro, 2007

INTELECTUAL A TEMPO PARCIAL

« 28 setembro 2007 | 0:20 | Inventario de miserias | 8 Comments »

Preséntovos un documento de incalculable valor que pon ó alcance dos menos dotados para a literatura, como este que suscribe, de maneira sinxela e clara, (clarísima diría eu a pesares do "negro" de turno) a metodoloxía para escribir un libro en un plis plas, sen mancharse de tinta nin nada. Tomemos nota.

Nesta entrevista entre coleguis, cando pensaban que a cámara estaba pechada, (pero non estaba, hai que joderse, co listiños que son eles, xa ti ves) explícalle polo míudo á muller do homiño (outra que ben baila, a da suma das peras e as mazás, outro documento histórico, ¿recordades?, aquí o tendes por si vos esquencéchedes)...


...Explícalle, ía dicindo, os atallos que pode e debe utilizar un intelectual comme il faut para simplificar ao máximo o proceso creativo dun libro que, en pouco tempo, chegará a ser de lectura obrigada para tódolos neocons deste puto país. Fixádevos na importancia do título, un título impactante e extravagante, provocativo, moi liberal... E xa, o resto ven de seu.

Debo confesar a miña radical parcialidade para opinar sobre este tipo, pois resúltame dende fai tempo absolutamente noxento e, ademais (ou por iso), sempre me resistín a ler nada del.

E polo que se ve, non fixen mal de todo.

Dijo eu.

¿Ou si?

Chuzame! chuzame -


EN ULTRAMAR TEMOS DE TODO

« 27 setembro 2007 | 16:47 | Un sorriso, por favor | 6 Comments »

O barrio onde vivo en Ferrol foi crescendo de forma espectacular dende que cheguei a el, aló polos anos 80. Temos de todo, como poderedes ver.

No propio edificio no que vivo temos a librería de Puri, unha xestoría, unha gardería á que xa foron os meus fillos, dous ou tres avogados, un dentista, unha oficina dun aparellador, unha axencia de sejuros, unha cafetería, un solarium (non podía faltar) e mesmo unha igrexa católica, que xa é ter para un so edificio aínda que sexa de catro portais.

Sen saír da praza temos dúas cafeterías máis, un quiosco, un estanco, o supermercado DIA, unha tenda de produtos de baixo consumo enerxético, unha panadería, unha tenda de fotografía, unha froitería, un taller de rodas, unha barbería, unha peixería, unha tenda de chucherías, unha hamburguesería, unha carnicería, unha perruquería de señoras, unha zapatería (das de arranxar zapatos, non das de vendelos), un ultramarinos, outra perruquería de señoras, o supermercado DIA, unha farmacia, unha tenda de deportes, un deses sitios ós que entra a xente que quere adelgazar (mesmo eu entrei un día, pero saín pronto e non volvín…), unha escola de idiomas, unha autoescola, unha tenda de todo a cen, dúas tendas de roupa, unha de chinos, unha xoiería, unha tenda de telefonía móbil, a Caixa de Aforros….

Mesmo ó lado, na rúa por onde entro tódolos días de volta do traballo, teño a miña parada diaria (a Despensa Galega, cervexas, viños, xamóns…), a tenda de Maruja, onde compro o pan despois de tomar a cervexa, (Maruja sin ir más lejos, de todo un pouco, aberta tódolos días do ano dende 1956), unha carpintería, unha igrexa evanxelista (xa vedes, estamos como queremos, o que non jane ó ceo –ou polo menos o empate- é porque non quere), unha florería, outro quiosco, outra peixería, outro solarium, un mesón, outra cafetería, unha vinoteca, outra froitería, un fisoterapeuta, unha perfumería, unha armería (que non unha tenda de armarios, senón de armas, hai que joderse, nin que estivesemos en Arizona), un callista (agora chámanse clínicas podolóxicas, que é máis finoqueiro), unha zapatería, esta de veder zapatos...

Nas rúas contiguas, pero sen saír dun radio de 100 metros do noso portal, unha tenda de pinturas, unha ferraxería, cinco ou seis tendas de roupa, outras dúas froiterías máis, unha tinturería, outra librería, outra hamburguesería, e outra máis, e outra un pouco máis abaixo, dous mesóns, outra sucursal bancaria, unha tenda de repostos de automóbil, máis cafeterías, máis bares, máis cervexerías, unha papelería, outra barbería, e outra máis nun primeiro piso, outro taller de rodas, unha tenda de mobles de oficina, unha de informática, e outra máis ó dobrar a esquina, e outra un pouco máis abaixo, e outra especializada en software, un vídeo club deses automáticos, unha tenda de material eléctrico, outra panadería, outra tenda de telefonía móbil, unha administración de loterías, unha academia de informática, o supermercado FROIZ, unha axencia de viaxes, un taller de electricidade do automóbil, un sitio que organiza festas para meniños, outra sucursal bancaria catalana (non podía faltar), unha cooperativa de produtos ecolóxicos, unha moblería, e outra máis case ó lado, unha tenda de electrodomésticos, outra panadería…

En fin, que do que temos non falta nada... Non precisamos baixar ó centro para nada.

¿Para nada, nada, nada…? ¿Non botades nada en falta?

Pois si señor, falta aljo, que se vai facendo imprescindible, e non hai dereito a semellante ausencia, a ver que vai ser isto.

Ía sendo hora de denuncialo publicamente, si señor.

imagen003_1.jpg

Dijo eu.

¿Ou non?

Chuzame! chuzame -


JIBAJE

« 20 setembro 2007 | 18:29 | Sempre no recordo | 10 Comments »

Eu non sei, moito nin pouco, como teño que escribir Jibaje.scanw00024.jpg

Pero neste caso en concreto non é por ignorancia porque non creo que exista ninguén no mundo que me saque da dúbida, pois, sejuramente, nunca aparecería escrita por ningures.

Jibaje era o nome que recibía unha das dúas partes nas que os nenos de Corme dividimos imaxinariamente o pobo aló polos anos 50. A outra era Ribera. Pero neste caso tanto a ortografía como a orixe do nome son moito menos confusos.

¿Pero Jibaje? ¿Que significa Jibaje? ¿Cal é a orixe dese topónimo? Non teño nin idea, e ás únicas veces que o vin negro sobre branco foi cando eu escribín tal palabra, como por exemplo para empregala como nick pola rede adiante... Así, si escribides Jibaje no Google, poderedes saber a miña dirección de correo de Yahoo, a que utilicei para a miña conta de Flickr...

E como a min dáseme por escribir coa j (manías de vellos), pois escríboo así, como o pronunciábamos. Que nesto sonche tan teimudo, polo menos, como Mamá-Lela, a miña avoa de Corme. Mamá-Lela, ¡que no se llama así, mujer! ¿E lojo como se chama, meu neno? Pues se llama "asado". Pois en Corme chamámoslle así. Punto final.

Pero volvendo ó asunto que me ocupa hoxe, o caso é que os rapaces de Corme fixemos unha división do pobo en dúas partes: Ribera e Jibaje. Foi unha división completamente artificial, inventada por non sei quen, ou por todos, ou por ninguén. Os seus límites non estaban escritos en ningures, pero eran aceptados por todos sen demasiadas discusións, aínda que sempre houbo contenciosos fronteirizos nunca resoltos de xeito totalmente satisfactorio para ambas partes.

Ribera chejaba dende a Ribeira á igrexa e á Fonte do Campo. Porque unha cousa era a Ribeira, e outra Ribera. A Ribeira, a vella Ribeira da miña infancia que antes fora praia da Ribeira, é agora esa parte a carón do mar, indo cara o peirao, onde se fan as festas, píntanse as jamelas, xojan os nenos, e os vellos, e non tan vellos, toman o sol na riñonera, xeitoso e amplo banco semicircular así bautizado pola súa cómoda forma e situación estratéxica que protexe dos ventos e quenta os riñóns...O lugar onde está, tamén, a Torriña, torre de vixilancia de canto ocorre no peirao.

Alguén dirá que a división non tiña color porque, formando parte a Ribeira de Ribera, ¿que lle quedaba a Jibaje? Pois nada máis e nada menos que todo canto rodea a praia da Arnela, na entrado do pobo, desde a que se podía acceder, vía sumidoiro, á fábrica de conservas en ruínas mellor conservada, das sete ou oito que chejou a ter Corme. Alí, onde estaba a silla eléctrica, randeeira que penduraba dende o teito da fábrica sobre unha pía de salgar, na que os de Jibaje "torturaban", a base de marealos, ós seus prisioneiros de Ribera para obter información...Pero esa é outra historia.

Así que mar por mar, un non sabe moi ben con que parte quedarse, se coa Ribeira de Ribera ou coa Arnela de Jibaje. Persoalmente, agora, non querería eu prescindir de ningunha delas...E xa que non é preciso escoller, teño a sorte de poder gozar das dúas.

As jerras tribais entre os exércitos de Ribera e Jibaje eran moito máis duradeiras que os períodos de paz, sempre efémeros. E en tempos de jerra non era nada recomendable para un neno de Ribera, coma min, penetrar e sobre todo permanecer, sen boa compañía, en territorio alleo.

Cada un dos bandos tiña a súa "fortaleza": a de Ribera era o Petón Froito, aló no monte do Carral, e a de Jibaje o Petón de Tobías, inmediatamente enriba da Paxariña, nun dos cumios do pobo. Dende este último sitio divísase unha extraordinaria paisaxe sobre a ría.

Pero cando os nenos de Ribera decidíamos subir aló non era para gozar da paisaxe, senón para tentar de botar ós de Jibaje fora do seu alcázar por aquilo de mostrar o noso poderío e superioridade. Tarefa, por outra parte, nada doada de levar a cabo e que finalizaba, con máis frecuencia do que fose recomendable, en estrepitoso fracaso. Pois o Petón de Tobías era (e sije sendo) un auténtico fortín, de difícil acceso mesmo para os nenos de Corme dos anos 50. Sobre todo si dende aló arriba chovían pedras, moreas de pedras lanzadas coa intención que todos podemos supoñer e, ademais, con envexable precisión...Porque os de Jibaje non tiñan peor puntería que nos, seino eu, como dan fe as inconfundibles feridas de jerra que conservo en diversas partes do meu corpo.

Claro está que había moitos días nos que podíamos subir ó petón sen perigo ningún, porque, evidentemente, aló arriba moitas veces non había ninguén. Pero ¿que mérito tiña iso? Así que as escaramuzas eran case sempre "programadas" por medio de retos cruzados.

E así, con estas trécolas e outras polo estilo, pasábamos o tempo e procurábamos divertirnos nun porto do mar practicamente illado do mundo, aló nos anos 50, no corazón da Costa da Morte. Eran tempos de moitas carencias e, a falta doutras cousas que viñeron despois empregábamos a imaxinación para saír da rutina e crear os nosos mundos. Sejuramente foi iso o que saímos janando…

Teño a certeza, tamén, de que todo aquilo acabou coa chejada da televisión e outros inventos tanto ou máis perniciosos que nos invadiron sen remedio. Supoño que agora os nenos de Corme non saberán nada de Ribera nin de Jibaje, nin falta que lles fará; e estou certo de que serán felices á súa maneira, como ocorre sempre cos rapaces que teñen a sorte de nacer en lugares nos que poden vivir como tales.

Pero aló no fondo do meu espírito resístome a crer que poidan ser tan felices como tiven a sorte de ser eu naqueles máxicos anos da miña infancia.

Chuzame! chuzame -