Amablemente invítame Larvós (o home que xamais terá un blog), si me peta, a responder neste blog a un cuestionario. Trátase do cuestionario de Proust, un cuestionario que segundo parece foi pensado para ser respondido por escritores. Di Larvós que tamén podería valer para blogueiros. E polo tanto para o señor Ninsesabe, por exemplo, ó que (xunto con outros 4 blogueiros máis) lle lanza o órdago de cubrilo dende o seu blog. Ese que non terá xamais.
Así que para non facerlle un feo a Larvós o que subscribe acepta o reto e disponse a espirse espiritualmente diante de tódolos visitantes deste blog, que por outra parte tampouco son tantos. E ademais, polo que se vai vendo, están curados de espantos.
É curioso este mundo dos blogs. Pouco a pouco un vai relacionándose con persoas das que descoñece absolutamente todo, excepto aquilo que se deixa ver entre as liñas que escribe dende o seu curruncho. E deste xeito, ringleira a ringleira, vai fraguándose unha especie de complicidade e simpatía con vínculos moitas veces máis fortes dos que nos unen a persoas que vemos tódolos días.
E así, día a día, visita a visita, vai un empezando a coñecer á persoa que está detrás dos "posts", ás veces máis profundamente que se vivisen no 4ºB do noso portal. Seguimos sen coñecer o seu nome, nin os seus datos persoais, nin mesmo a súa cara: pero vamos coñecendo á persoa, e vamos colléndolle cariño. Ata tal punto que o día que non podemos visitalos parece como se nos faltase algo. E pensamos ¿que escribiría hoxe fulanito?
¿Non vos parece que é así?
En fin, despois de tan profunda reflexión, aló vou. E dende aquí lánzolle o reto ós seguintes blogueiros:
- Son Mar e Lúa
- Dorvisou
- A Pícara de Allegue
- Suso Lista
- No outro lado
- Blog de Carlos M. Abella
O CUESTIONARIO DE PROUST
- ¿O principal rasgo do meu carácter?
Posiblemente sexa a improvisación, a impulsividade, a irreflexividade. Unha vez un gran entrenador de xadrez co que tiven unha boa relación (Boris Zlotnik, Mestre Internacional de Xadrez) analizando unha partida catastrófica miña (como case todas) díxome: "Tú eres muy creativo, pero totalmente irreflexivo."
Creo que o que escribín en cursiva é válido tamén fora do xadrez para min.
Outro rasgo importante penso que pode ser a terquedade, a tozudez. Neste caso penso que foi amainando cos anos...Pero cando me poño en aljo podo chejar a ser moi terquiño, seino eu.
- ¿A calidade que prefiro nun home?
Se hai que escoller unha sola quédome coa xenerosidade para os demais.
- ¿A calidade que desexo nunha muller?
¿Por que tería que ser diferente a dun home que a dunha muller?
- ¿O que máis aprecio nos meus amigos?
Que me digan a verdade e que me acepten cos meus defectos, sen intentos de cambiarme.
- ¿O meu principal defecto?
Pois posiblemente a terquedade e a impulsividade, como queda dito.
- ¿A miña ocupación preferida?
Xogar ó xadrez, a informática, escoitar música, ler poesía, ver cine.
No verán bañarme na Arnela, bucear vendo os peixiños ó pé da praia e bañarme no medio das correadas.
- ¿O meu soño de dicha?
Acabar coa pobreza no mundo.
- ¿Cal sería a miña maior desgraza?
Volver a vivir como cando fun novo, nun país sen liberdades.
E tamén depender fisicamente dos que me rodean.
- ¿Que quixera ser?
O que son: mestre. Non pode haber no mundo traballo máis bonito.
- ¿Onde desexaría vivir?
Onde vivo: en Galicia. Concretamente gustaríame vivir no inverno a cabalo entre A Coruña e Corme e no verán en Corme.
- ¿A cor que prefiro?
O roxo.
- ¿A flor que prefiro?
A rosa roxa.
- ¿O paxaro que prefiro?
Nunca pensei niso, posiblemente a andoriña. Por recordos de infancia.
- ¿Os meus autores preferidos en prosa?
Se tivese que elexir tres nomes quedaríame con García Márquez, Quevedo e Borges.
De neno paseino moi ben con Julio Verne.
Cando era mozo impresionoume un escritor noruego, Knut Hamsun, e concretamente un relato estremecedor: Hambre.
Houbo un tempo no que se me dou polos relatos de misterio, fantasía e ciencia ficción. Nese terreo paseino moi ben con Isaac Asimov, G. Orwell, Ray Bradbury, H.G. Wells, Arthur Conan Doyle, Edgar Alan Poe, Arthur C. Clarke, Lovecraft, Brian Aldiss...
- ¿Os meus poetas preferidos?
Por encima de todos Antonio Machado e Miguel Hernández.
Logo Quevedo, Espronceda, Neruda, Garcilaso de la Vega...
- ¿Os meus heroes de ficción?
De pequeno era O Zorro. Máis adiante Sherlock Holmes.
- ¿As miñas heroínas de ficción?
Mafalda. Pero sobre todo a nai de Mafalda...
- ¿Os meus compositores preferidos?
Non son un entendido no tema. O autor co que empecei a escoitar música clásica foi Vivaldi. Despois Mozart e Beethoven.
Gústanme moito Haendel e Tchaikovsky .
Tamén algunhas cousas de Smetana, Dvorak e Grieg.
- ¿Os meus pintores predilectos?
Non entendo nin papa de pintura, son un nejado para ese conto, pero sempre me admirou o realismo do pintor contemporáneo español Antonio López. De pequeno non era capaz de comprender como se podía pintar tan ben como o facían os clásicos como Velázquez, Rubens ou Tiziano, e sigo sin entendelo.
Posteriormente gustáronme Van Gogh, Sorolla e algunhas cousas de Dalí
- ¿Os meus heroes da vida real?
Se teño que escoller unha persoa a que admiro, esa é O Che.
Logo hai tantos e tantos heroes anónimos...
Na actualidade quédome con Vicente Ferrer.
- ¿As miñas heroínas históricas?
Do mesmo xeito, si teño que escoller unha muller á que admiro quédome con Marya Sklodowoska "Madame Curie".
E todas aquelas que tanto polos dereitos das mulleres, como as sufraxistas americanas de principios de século XX. - ¿Os meus nomes favoritos?
Carlos, Alba.
- ¿Que detesto máis que nada?
A falta de liberdade, a opresión, o abuso do forte sobre o débil...
- ¿Que caracteres históricos desprezo máis?
O despotismo, o militarismo, os fascismos, o fanatismo relixioso.
- ¿Que feito militar admiro máis?
A revolución dos caraveis en Portugal, a loita dos anarquistas españois contra o fascismo, a xesta do Che e Fidel en Sierra Maestra.
- ¿Que reforma admiro máis?
Todas as encamiñadas a conseguir a igualdade de dereitos e oportunidades.
- ¿Que dons naturais quixeras ter?
Saber escribir como Gabriel García Márquez.
Tamén saber bailar, sobre todo o tango; saber tocar algún instrumento, por exemplo o violín ou a guitarra.
- ¿Como me gustaría morrer?
De ningunha maneira. Pero se non queda máis remedio, de vello e de repente. Sen sufrir e sen facer sufrir ós que me rodean.
- ¿Estado presente do meu espírito?
Segundo de onde sopre o vento. Habitualmente non sufro de melancolía e adoito estar de bo humor. Case sempre son unha persoa compracente e pacífica.
Pero ás veces, cando perdo o control, vólvome verdadeiramente insoportable.
- ¿Feitos que me inspiran máis indulxencia?
Aqueles ó marxe da lei protagonizados por eses pobres miserables desta puta sociedade, aqueles que están marcados dende o seu nacemento, ós que sempre lles foi negado todo... - ¿O meu lema?
Un so non pode ser. Varios:- Un alleo, de Confucio: Sé moi esixente contigo mismo e espera pouco dos demais. Así aforrarás moitos disgustos
- Outro alleo, con humor, de Elbert Hubbar: Non tome vostede a vida demasiado en serio; nunca sairá vivo dela.
- Un propio: O máis seguro é que...¡quen sabe!
- E o resumen de todos: Carpe Diem
chuzame - 