Recordo que aquel día de principios de 1957 (aló van 50 anos) chovera moito en Corme. Cando sentín chamar á porta da escola e vin asomar a cabeza de miña nai soupen que tiña que pasar aljo importante. Miña nai tiña que estar naquel momento atendendo á barbería na Trabe, e meu pai na chatarrería. Calquera, ata un neno inocente e paspallán coma min, tiña que desconfiar por forza.
Don José Manuel falou un momento na porta, e lojo, todo serio, veu xunta de min e díxome sen que apenas puidese ouvílo que saíse un momentiño.
Alí estaban miña nai e meu pai, e uns homes todo traxeados que eu non coñecía de nada. Non viñeran no Plymouth nejro que por aquel tempo tiña meu pai, o coche érame descoñecido , e iso que eu coñecía tódolos coches que había na redonda, mesmo polo ruído. Que ás veces estaba na casa, sentía fora o ruído dun coche e dicía: "Ahí va el camión de Víctor". E non fallaba.
Meu pai abrazoume coas bágoas nos ollos e non recordo ben se me dixo aljunha cousa, pero miña nai si que me falou. Máis serea (miña nai sempre foi máis forte) díxome que meu pai tiña que irse de Ponteceso por un tempo, non sabía canto. Pero que non me preocupara, que só serían uns días. E, sobre todo, que estivese sejuro de que meu pai non fixera nada malo, que non tiña que averjonzarme de nada.
Pasaron moitos anos antes de que meus pais me contaran o que tiña acontecido. E entón souben que ó meu pai levárono para o cárcere, unha vez máis, como consecuencia das súas ideas e por culpa dun funcionario cabrón.
Meu pai sempre fora un home de esquerdas. Cando foi do golpe de estado non dubidou e poñerse de lado da República. Alistouse contra o fascio pero moi pronto caeu preso.
Como tantos outros foi condenado a morte nun Consello de Guerra acusado de "rebelión militar " e ingresou en prisión o día 23 de outubro de 1937. Pero safouse de ser fusilado e logrou que lle conmutaran a pena de morte pola de trinta anos de prisión.
En realidade meu pai non fixo nada para evitalo, porque non pudo, que á forza aforcan. Pero, xa vedes o que son as cousas, tiña un amijo. "Dios dé un amijo aínda que sea no Inferno", sentenciaba sempre Mamá-Lela. E tiña razón, claro.
É certo que o amijo era falanxista, pero resultou ser máis amijo que falanxista. Así que este bo home buscou a maneira de poder axudar ó meu pai. E atopouna, que cando as cousas se buscan con xenio acaba un dando con elas por moi ajochadas que estean.
Remexendo nun sitio e noutro conseguiu falsificar a acta de nacemento de meu pai para así poder demostrar que era menor de idade. E así foi como ese amijo falanxista lle salvou a vida ó meu pai, e jracias a eso eu podo estar agora escribindo esto e vos, se cadra, léndoo.
Lojo viñeron os anos de cárcere en Burgos, en Figueirido... e a pena foi rebaixándose ata cumprir "soamente" sete anos.
Finalmente, un bo día, meu pai foi posto en liberdade. En realidade foi posto en "libertad vigilada". E esa era a condición na que vivía meu pai na Ponte, aquel día que viñeron a verme a media mañá á escola de Corme.
Non había na Ponte outro caso coma o de meu pai, que eu recorde. Os pais de tódolos meus amijos eran, todos e cada un deles, "adicto al Régimen" como figuraba nunhas folliñas que había que presentar para entrar na escola. Estas folliñas penso que viñan cubertas do concello, non sei precisar o dato. Pero si o que recordo moi ben o que dicía a folla miña referida ó meu pai: "Indiferente al Régimen".
¡Indiferente al Régimen meu pai! ¡Manda carallo!
O caso é que a consecuencia práctica de estar en “libertad vigilada” viña a ser que meu pai tiña que presentarse cada quince días (creo recordar) no xulgado da Ponte para dar fe que alí estaba, que non escapara nin nada diso. O funcionario do xulgado, un mal bicho que atendía por Corval, era o encarjado de testemuñar a presenza de meu pai. Pero como se vían tódolos días chejou un momento que lle dixo:
-Carlos, no te preocupes hombre, yo ya te veo por aquí. No hace falta que vengas por el juzgado cada quince días. Ya te aviso yo de vez en cuando y arreglamos.
Debo engadir que, polo que souben despois, á miña nai nunca lle justou nada esa trécola e sempre lle dixo ó ancarés que fose polo xulgado como tiña que ser. Pero a meu pai custáballe moito recoñecer que cando el ía, ela xa viña de volta.
Así que a partir daquela conversa meu pai deixou de acudir periodicamente polo xulgado. Ata que pasou o que tiña que pasar.
Parece ser que o día que o denunciou Corval, estiveran xuntos no bar de Cruz, na Ponte, onde meu pai xojaba a partida de dominó. Sabía moi ben pois, que meu pai non escapara da Ponte, onde estaba casado e tiña xa dous fillos... Pero tiña a disculpa de que meu pai non fora a firmar e decidiu amolalo, non recordo ben agora por que motivo. Que, a fin de contas, era unha venganza persoal.
Corval era falanxista.
Coma o amijo que lle salvou a vida a meu pai e do que non sei nen o nome.
Xa vedes que por encima das ideas están as persoas. E ó marxe daquelas hai tipos miserables e persoas xenerosas e honestas.
Dijo eu.
¿Ou non?
chúzame -
Comentarios recentes