Archive for xaneiro, 2007

JE T’AIME…MOI NON PLUS

« 30 xaneiro 2007 | 16:30 | Música en clave de recordo | 4 Comments »

Xa sabedes que tamén perdo o tempo con un blog no que evoco a música doutros tempos. Chámolle Música en clave de Recordo. Hoxe, como non teño moitas ganas de escribir, recupero acó unha entrada dacolá, dun tema que tivo éxito mundial por moi diferentes motivos. Velahí vai.

 

Para os que, coma min, oiron esta canción de forma clandestina (¡manda carallo!)... E tamén para os que teñen a sorte de non entendernos cando lles "contamos batallitas", porque viven tempos menos oscuros e pensan que nunca houbo oscuridade...

 

Corría o ano 1969 en España estaba en plena "longa noite de pedra". En Francia unha canción sinxela, pero que escondía na súa letra unha deliciosa defensa da liberdade sexual, lanzou á fama en todo o mundo á parexa formada pola inglesa Jane Birkin (filla da actriz Judy Campbell) e o francés Serge Gainsbourg, autor do tema que se faría mundialmente famoso. Curiosamente o tema fora composto para ser interpretado con Brigitte Bardot. Pero á BB non lle gustou a idea e o proxecto non se levou a cabo.

A parexa Birkin-Gainsbourg durou ata 1980, ano no que romperon as relacións sentimentais, que non profesionais.Gainsbourg morreu en 1991 de un ataque al corazón.
O single, do que se venderon máis de un millón de copias naqueles tempos, porvocou un gran escándalo: os sensuais suspiros de Jane facendo o amor convertironse nun éxito no mundo enteiro e non deixaron indiferente a ninguén. Ata o Vaticano tomou cartas no asunto condenándoa públicamente...o que foi de inestimable axuda para unha ainda maior difusión en todo o mundo.

A letra ven sendo o diálogo entre unha parexa que está facendo o amor. Se vos interesa podedes descargala dende aquí: a versión orixinal en francés e nunha traducción madeinfeitanacasa ó español.

O meu primeiro contacto con Je t'aime...moi non plus foi aquel mesmo ano nun "chiringuito" que había en Sada denominado "Chivas" que era unha avanzadilla naqueles tempos de incipiente apertura, e que tiña nunha parte superior do local unha sala moi xeitosa para escoitar música na intimidade...A foto que aparece arriba corresponde ó single que puden por fin comprar o día 30 de diciembre de 1970, en Bambuco por suposto, e que se escoita perfectamente.

Aquí tendes o regalo do día: o vídeo que gravaron Serge e Jane xa fai o seu tempo e que atopei e YouTube.

Chuzame! chuzame -


DEBUXO DUN NENO VISTO POR UNHA NENA

« 26 xaneiro 2007 | 8:13 | Sempre no recordo | 10 Comments »

debuxo0271.jpg

Gustaríame saber o que pensaría a doutora Florence L. Goodenough máis aló de valorar numericamente presenzas e ausencias significativas no debuxo que vedes arriba para coñecer o nivel intelectual de Isabel , a súa autora.

Tiña Isabel 7 anos ese 25 de xaneiro de 1973 e fixo este debuxo na escola de Conde Seixas (o meu primeiro destino definitivo: unitaria, rural, difícil desempeño), aló cerca das Somozas, no norte da provincia de A Coruña.

Como sabedes Florence L. Goodenough deseñou en 1926 un test, que se dou en chamar da figura humana, que se converteu nun dos máis populares instrumentos para medir o nivel intelectual dos nenos pequenos, baseado simplemente no feito de debuxar unha figura humana.

Pero volvamos ó día do debuxo. Na escola do Fronzal, que por ese nome era coñecida aló, tiña eu 14 alumnos, de idades comprendidas entre os 4 e os 16 anos. Isabel era das pequechas, e cando tiña que atender ós maiores, ás veces dicíalle os pequeniños que debuxaran un pouco, cando acabaran as súas tarefas. Ese día díxenlle a Isabel que debuxara un neno.

Fixádevos no debuxo. Fáltanlle os brazos e mesmo a boca, e a situación da nariz en relación cos ollos deixa bastante que desexar. Ademais, as pernas non teñen ningunha definición, son simples liñas. Todos estes detalles implicarían unha puntuación baixa no test de Goodenough. Pero do que non cabe dúbida é de que Isabel debuxou un neno tal como eu lle dixera. Así que non vai a resultar nada doado puntuar adecuadamente o debuxo...

Custa traballo crer que unha nena que deixa sen boca nin brazos a un neno, no obstante defina con tanta precisión a súa identidade sexual...

Conservo o debuxo dende ese día.
Penso que fixen ben.
Dijo eu.
¿Ou non?

Chuzame! chuzame -


FALANDO DE FÚTBOL

« 23 xaneiro 2007 | 22:26 | Sempre no recordo | 9 Comments »

Houbo un tempo no que sentía unha paixón irrefreable polo fútbol. Durou dende que empecei a darlle patadas ás pedras camiño da escola de Tella ata que, moitos anos despois, cheguei á conclusión de que o fútbol morrera como deporte para converterse noutra cousa que non me satisfacía nada.

Na tarefa de levar pedras a zocazos dende a Trabe a Tella convertinme nun auténtico virtuoso, e perfeccionei a técnica ata límites insospeitados, tendo en conta a escaseza de medios e de tempo (tiña que chejar en punto ás clases), e sempre buscando o “más difícil todavía”: dúas pedras ó tempo, usando só o pé esquerdo, indo de banda a banda do camiño, traendo a mesma pedra de volta…
Mágoa que non houbese daquela un concurso televisivo tipo “Un millón para el mejor” ou “Operación triunfo”… Por riba, era un incomprendido: miña nai non valoraba adecuadamente as miñas habilidades, e queixábase de que a joma da sola dos zocos duraba menos do necesario e que non había reforzo que ajuantara nas punteiras…

Por aquel tempo na Trabe vivía Pepe o zapateiro. Refírome ó fillo, porque dáse a circunstancia que tamén o pai era Pepe e zapateiro. Pepe, o fillo, que máis tarde emigrou a América, tiña as paredes da zapatería cheas de fotos do seu equipo favorito, que dende aquela tamén foi o meu: o Athletic de Bilbao. Alí ía eu con bastante frecuencia a facerlle compañía, que Pepe tiña moita paciencia cos pequechos. Gustábame mirar como traballaba pero sobre todo gustábame escoitarlle contar historias de fútbol, narracións de vitorias épicas do equipo dos seus amores. Alí aprendín os nomes daquela dianteira inmortal: Iriondo, Venancio, Zarra, Panizo e Gainza…Pasado o tempo, quen mo ía dicir daquela, puiden coñecer persoalmente a Zarra, o do gol do Maracaná contra Inglaterra, que tiña unha tenda de deportes en Bilbao (onde estiven destinado 3 anos como mestre), cerca do Nervión e do San Mamés que tantos éxitos seus presenciou. Entrei un día adrede só para coñecelo. Era un home sinxelo, amable e falador, e ata penso que lle gustou que entrase a saudalo.

Pero o equipo da miña infancia foi outro: Carmelo; Orúe, Garay, Canito; Mauri, Maguregui; Arteche, Marcaida, Arieta, Uribe e Gainza…Xa vedes, teño unha memoria fatal, pero nunca esquecerei esta alineación que tantas veces escoitei recitar pola radio a Enrique Mariñas, ou a Matías Prats. Daquela non existía esta macana das “rotacións” ou caralladas polo estilo ( como asistencias, dobres pivotes, galácticos e outras mandangas varias). Así que esa era a alineación do Athletic tódolos domingos, de non mediar lesión ou circunstancia grave.Eu admiraba a moitos destes xogadores por evidentes motivos, pero sentía unha especial predilección por Jesús Garay, aquel central elegante e nobre; tan nobre e elegante, que nunha ocasión mesmo chegou a felicitar no terreo de xogo a Amancio en Riazor, cando o extremo da rúa Vizcaia acababa de driblalo e marcar un fermoso gol dos 3 que marcara aquela tarde. Que Amancio Amaro Varela, o Bruxo tampouco era manco, e a min recordábame a Garrincha, aquel tolo xenial brasileiro que despois de driblar ós defensas esperaba por eles para volvelos a driblar de novo….
Naquel partido de Copa o Athletic perdeu por 3-2; claro que logo houbo que ir a San Mamés e alí o zurroulle a badana ó Deportivo (que aínda non era Superdepor, nin sequera Depor) e meteulle cinco goles coma cinco soles. Total, 7-3 e o Athletic que ese ano, coma o seguinte,
foi campión de Copa e de Liga. Ben se ve que eran outros tempos…

Pasado o tempo, Garay foi traspasado ó Barcelona por 5 millóns e medio de pesetas daqueles tempos, que non eran palla… A cantidade foi tan importante que con eses cartos construíuse a Tribuna Norte de San Mamés, á que moitos chamaron dende entón Tribuna Jesús Garay

Pasou o tempo e chejei a xojar no F.C. Ponteceso. E houbo un día no que sentín a caricia da gloria. Non recordo a data exacta, pero foi un domingo de principios de 1964, o anterior ó que se sacou esa foto, cando acababa de cumprir os 16 anos. Eu xa xogaba no equipo dos “maiores”, a pesar da miña curta idade. Xogábamos en Carballo, contra o Poniente. No descanso do partido xa perdíamos 3-0. Nada máis empezar o sejundo tempo marcamos un gol, que nos daba aljo de esperanzas, pero o tempo pasaba e así chejamos ó minuto 30 , perdendo 3-1. Entón empezaron a saírnos as cousas ben.

Eu xogaba de extremo dereito e tiña ó meu lado un interior que pasaba o balón con moita precisión, Manolo Álvarez, que agora é municipal en Corme. A miña virtude era a velocidade; así que empezou a lanzar pases largos, ós espazos libres, e eu a correr… A verdade é que con esta táctica empecei a tolear ós defensas e marquei en poucos minutos dous goles que igualaban o marcador.

O partido estaba tolo, a xente non daba crédito o que vía, e, faltando 5 minutos para o final, marcaron eles de novo. Parecía que se acababa todo; pero foi precisamente nese momento, cando xa nin tempo quedaba, que ocorreu o que ninguén esperaba. Nos 5 últimos minutos do partido marquei dous novos goles; un deles de cabeza á saída dun córner, e o último no derradeiro suspiro do partido: collín un despexe da nosa defensa e recorrín todo o campo desbordando a tódolos contrarios que me saíron ó paso para marcar o gol máis bonito e importante da miña curta carreira deportiva.

Ó final do partido os afeccionados da Ponte sacáronme do campo coma un toureiro que cortase dúas orellas e o rabo . Recordo que cando chejamos á Ponte había unha morea de xente esperándonos. Eu fun, sen dúbida, o protagonista: recibín máis apertas ese día ó baixar do autobús que no resto da miña vida. Esa noite, no baile da pista de Ramón do Barbeiro, sentíame rei por un día.

Antes, ó acabar o partido, nos vestiarios de Carballo, un periodista do Semanario Riazor que fora ó partido coa intención de entrevistar ó noso central (un dos mellores do equipo), mudou de idea e entrevistoume a min. Esa imaxe que vedes arriba corresponde ó principio da entrevista que me fixo, e que conservo coma ouro en pano. Ó final dela o periodista díxome que, de seguir así, agardábame un grande futuro de extremo dereito.

Como Amancio, engadiu sorrindo. Como Garrincha, respondinlle eu.
Pero equivocámonos os dous.

Chuzame! chuzame -