Houbo un tempo no que sentía unha paixón irrefreable polo fútbol. Durou dende que empecei a darlle patadas ás pedras camiño da escola de Tella ata que, moitos anos despois, cheguei á conclusión de que o fútbol morrera como deporte para converterse noutra cousa que non me satisfacía nada.
Na tarefa de levar pedras a zocazos dende a Trabe a Tella convertinme nun auténtico virtuoso, e perfeccionei a técnica ata límites insospeitados, tendo en conta a escaseza de medios e de tempo (tiña que chejar en punto ás clases), e sempre buscando o “más difícil todavía”: dúas pedras ó tempo, usando só o pé esquerdo, indo de banda a banda do camiño, traendo a mesma pedra de volta…
Mágoa que non houbese daquela un concurso televisivo tipo “Un millón para el mejor” ou “Operación triunfo”… Por riba, era un incomprendido: miña nai non valoraba adecuadamente as miñas habilidades, e queixábase de que a joma da sola dos zocos duraba menos do necesario e que non había reforzo que ajuantara nas punteiras…
Por aquel tempo na Trabe vivía Pepe o zapateiro. Refírome ó fillo, porque dáse a circunstancia que tamén o pai era Pepe e zapateiro. Pepe, o fillo, que máis tarde emigrou a América, tiña as paredes da zapatería cheas de fotos do seu equipo favorito, que dende aquela tamén foi o meu: o Athletic de Bilbao. Alí ía eu con bastante frecuencia a facerlle compañía, que Pepe tiña moita paciencia cos pequechos. Gustábame mirar como traballaba pero sobre todo gustábame escoitarlle contar historias de fútbol, narracións de vitorias épicas do equipo dos seus amores. Alí aprendín os nomes daquela dianteira inmortal: Iriondo, Venancio, Zarra, Panizo e Gainza…Pasado o tempo, quen mo ía dicir daquela, puiden coñecer persoalmente a Zarra, o do gol do Maracaná contra Inglaterra, que tiña unha tenda de deportes en Bilbao (onde estiven destinado 3 anos como mestre), cerca do Nervión e do San Mamés que tantos éxitos seus presenciou. Entrei un día adrede só para coñecelo. Era un home sinxelo, amable e falador, e ata penso que lle gustou que entrase a saudalo.
Pero o equipo da miña infancia foi outro: Carmelo; Orúe, Garay, Canito; Mauri, Maguregui; Arteche, Marcaida, Arieta, Uribe e Gainza…Xa vedes, teño unha memoria fatal, pero nunca esquecerei esta alineación que tantas veces escoitei recitar pola radio a Enrique Mariñas, ou a Matías Prats. Daquela non existía esta macana das “rotacións” ou caralladas polo estilo ( como asistencias, dobres pivotes, galácticos e outras mandangas varias). Así que esa era a alineación do Athletic tódolos domingos, de non mediar lesión ou circunstancia grave.Eu admiraba a moitos destes xogadores por evidentes motivos, pero sentía unha especial predilección por Jesús Garay, aquel central elegante e nobre; tan nobre e elegante, que nunha ocasión mesmo chegou a felicitar no terreo de xogo a Amancio en Riazor, cando o extremo da rúa Vizcaia acababa de driblalo e marcar un fermoso gol dos 3 que marcara aquela tarde. Que Amancio Amaro Varela, o Bruxo tampouco era manco, e a min recordábame a Garrincha, aquel tolo xenial brasileiro que despois de driblar ós defensas esperaba por eles para volvelos a driblar de novo….
Naquel partido de Copa o Athletic perdeu por 3-2; claro que logo houbo que ir a San Mamés e alí o zurroulle a badana ó Deportivo (que aínda non era Superdepor, nin sequera Depor) e meteulle cinco goles coma cinco soles. Total, 7-3 e o Athletic que ese ano, coma o seguinte,
foi campión de Copa e de Liga. Ben se ve que eran outros tempos…
Pasado o tempo, Garay foi traspasado ó Barcelona por 5 millóns e medio de pesetas daqueles tempos, que non eran palla… A cantidade foi tan importante que con eses cartos construíuse a Tribuna Norte de San Mamés, á que moitos chamaron dende entón Tribuna Jesús Garay…

Pasou o tempo e chejei a xojar no F.C. Ponteceso. E houbo un día no que sentín a caricia da gloria. Non recordo a data exacta, pero foi un domingo de principios de 1964, o anterior ó que se sacou esa foto, cando acababa de cumprir os 16 anos. Eu xa xogaba no equipo dos “maiores”, a pesar da miña curta idade. Xogábamos en Carballo, contra o Poniente. No descanso do partido xa perdíamos 3-0. Nada máis empezar o sejundo tempo marcamos un gol, que nos daba aljo de esperanzas, pero o tempo pasaba e así chejamos ó minuto 30 , perdendo 3-1. Entón empezaron a saírnos as cousas ben.
Eu xogaba de extremo dereito e tiña ó meu lado un interior que pasaba o balón con moita precisión, Manolo Álvarez, que agora é municipal en Corme. A miña virtude era a velocidade; así que empezou a lanzar pases largos, ós espazos libres, e eu a correr… A verdade é que con esta táctica empecei a tolear ós defensas e marquei en poucos minutos dous goles que igualaban o marcador.
O partido estaba tolo, a xente non daba crédito o que vía, e, faltando 5 minutos para o final, marcaron eles de novo. Parecía que se acababa todo; pero foi precisamente nese momento, cando xa nin tempo quedaba, que ocorreu o que ninguén esperaba. Nos 5 últimos minutos do partido marquei dous novos goles; un deles de cabeza á saída dun córner, e o último no derradeiro suspiro do partido: collín un despexe da nosa defensa e recorrín todo o campo desbordando a tódolos contrarios que me saíron ó paso para marcar o gol máis bonito e importante da miña curta carreira deportiva.
Ó final do partido os afeccionados da Ponte sacáronme do campo coma un toureiro que cortase dúas orellas e o rabo . Recordo que cando chejamos á Ponte había unha morea de xente esperándonos. Eu fun, sen dúbida, o protagonista: recibín máis apertas ese día ó baixar do autobús que no resto da miña vida. Esa noite, no baile da pista de Ramón do Barbeiro, sentíame rei por un día.
Antes, ó acabar o partido, nos vestiarios de Carballo, un periodista do Semanario Riazor que fora ó partido coa intención de entrevistar ó noso central (un dos mellores do equipo), mudou de idea e entrevistoume a min. Esa imaxe que vedes arriba corresponde ó principio da entrevista que me fixo, e que conservo coma ouro en pano. Ó final dela o periodista díxome que, de seguir así, agardábame un grande futuro de extremo dereito.
Como Amancio, engadiu sorrindo. Como Garrincha, respondinlle eu.
Pero equivocámonos os dous.
chúzame -
Comentarios recentes