Archive for the 'Sempre no recordo' Category

¡VIVA A III REPÚBLICA!

« 13 abril 2007 | 23:00 | Memoria histórica, Sempre no recordo | 6 Comments »

tricolor.gifHoxe día 14 de abril fai 76 anos que se proclamou a II República Española.Duraría apenas 5 anos e logo caeunos enriba a longa noite de pedra .

Para saír do túnel dos horrores houbo que aceptar o inaceptable. E así é como volvemos de a estar baixo unha monarquía , réxime bárbaro e irracional que carece do máis mínimo sentido lóxico e que ninguén parece cuestionar.

Vivo coa esperanza de chegar a ver un cambio de réxime. Tal vez non o poida ver máis que polos ollos dos meus netos. Pero en todo caso teño fe e estou seguro de que chegará o día. E o mesmo que se romperon outras cadeas, seremos tamén capaces de romper estas. Serán certas, unha vez máis, as palabras de Lluís Llach:

Si estirem tots, ella caurà
i molt de temps no pot durar,
segur que tomba, tomba, tomba
ben corcada deu ser ja.

Si jo l'estiro fort per aquí
i tu l'estires fort per allà,
segur que tomba, tomba, tomba,
i ens podrem alliberar.

Saúde e liberdade para todos neste día tan especial para min.
¡Viva a III República!

Enlaces de interese:

Wikipedia

La página de la República Española

Galería 14 de abril

Especial II República (La Voz de Galicia)

El Republicano

Memoria Histórica

Atenero Repulbicano de Galicia

Ciudadanos por la República

Chuzame! chuzame -


O ENCERADO DA BARBERÍA

« 4 marzo 2007 | 11:42 | Sempre no recordo | 10 Comments »

Chela do Roxo de Corme, a barbeira da Trabe, nunca estudou Pedagoxía nin Psicoloxía nin Didáctica, nin nada que se lle pareza, como fixeron máis tarde, en maior ou menor medida, catros dos seus cinco fillos, que o outro sempre foi moi seu e quixo ser mercante, como tamén quixera ser seu avó.

Pero a fin de contas, sen necesidade de libros, foi mellor mestra que todos eles. Que entre barbeado e caldeirada de marajota; entre zurcido de calcetíns e “arreglo de cuello”; entre “hilvanado” e "vaciado" de navallas; entre corte de pelo e cosedura de baixos na Wertheim (¡que máquina de coser!) que agora, cuberta de mármore de Porriño, fai de mesa xardín en casa da miña sogra en Feás...entre unha cousa e outra, aínda lle sobrou tempo para ensinarlles a todos eles, incluído ó telegrafista naval, e ler, a escribir e as catro regras.

E moitas outras cousas que farán ben non esquencer na vida.

Así que o único verdadeiramente importante que aprendín na miña vida non mo ensinaron no “parvulario”, como lle pasou a Quino o de Mafalda, un dos homes que máis me fixo rir na vida; senón nun encerado que miña nai lle encarjou a Emilio de Alberto, o carpinteiro da Trabe e que fixo colocar na parede da barbería, debaixo dun pequeno estante branco atestado de libros. Entre eles, por exemplo, un titulado “El ajedrez”, de Alejo Markoff (que aínda conservo), polo que aprendín os rudimentos da Apertura Española, a dos Catro Cabalos e aljunha outra, como a miña preferida, o Gambito de Rei. Porque a mover as pezas tamén me ensinara ela.

Foi pois nese encerado da barbería onde exercíu tamén de mestra dos seus cinco fillos, con notable éxito, Chela, a barbeira da Trabe.

O de ler dende moi novos foi aljo que chamou a atención a todo o mundo na Trabe e polo que a mestra dona Teresa lle estaba eternamente agradecida á miña nai. Todos nos, cando entramos na escola, líamos de corrido. Así que a mestra acollíanos cos brazos abertos, que bo traballo lle aforramos. Nunca tivo, pois, necesidade de chamarnos á súa mesa para deletrear o silabario. Así que nunca estábamos con ela cando, enfadada porque o barullo non lle deixaba escoitar a lectura, inclinaba a cabeza cara diante ata tocar co queixo no peito, e baixaba os lentes de ver de cerca para mirar ó fondo da aula e dicir aquela frase que todos os que pasamos pola súa escolar recordamos perfectamente: "Como vaya ahí atrás no voy hacer el viaje en balde"...

Nesto de lectores prematuros o máis espelido foi, precisamente, o telegrafista naval. Que con apenas 4 anos lía de corrido o periódico, o que causaba asombro entre os clientes da barbería. Asombro e mesmo incredulidade, que moitos pensaban que o rapaz estaba facendo que lía, porque, ademais, naquel tempo era moi pequecho, que creceu todo despois de repente (ó longo e ó ancho), como lles pasou a outros, e parecía mentira que aquela mincha estivese reproducindo o que viña en letras de molde na Voz de Galicia ou no Pueblo, que eran os periódicos que recordo ver de pequeno na nosa casa.

Eu tamén lin moi pronto, aínda que non tanto coma Pompilio, pero o que máis me justaba era garabatear nas paredes, que non debuxar, aljo que sempre foi superior ás miñas forzas... Así que desde pequerrecho escribía todo cando podía polas paredes da casa, sobre todo na barbería, que tiña unha parte moi xeitosa no fundo, na que só había un perchero pendurado, a suficiente altura para que non constituíra obstáculo para as miñas inquedanzas artísticas. E conforme ía aprendendo a escribir palabras, nese empeño poñía todo meu interese, para desgusto e desazón de miña nai, que non atopaba forma de controlar os meus impulsos creativos.

Claro que todo canto escribía tiña que borralo de seguido. Viña miña nai, collíame da man, levábame ó sitio no que había aljo escrito na parede, e dicíame: ¿Quien escribió aquí, eh, quién escribió?

Quen ia ser, se ela non fora, e non había ninguén máis na casa. Así que baixaba a cabeza, confesaba o pecado con un "yo" apenas audible, e preparábame para cumprir a penitencia. Pues si tú lo escribiste, tú lo borras, que tu mamá no es tu criada.

E dábame un estropallo co que tiña que deixar limpa a parede. Claro que iso non me causaba moito trastorno, nin quedaba traumatizado como se estila nestes tempos. Porque ademais, a fin de contas, tamén era novo espazo libre para volver a escribir...

Así unha e outra vez, que eu éravos moi cabezón, posiblemente herdanza do ancarés, virtude que conservei intacta ata o día de hoxe, mesmo correxida e aumentada, a pesar dos anos, ou ó mellor precisamente por causa eles.

Ata que un día decidín pasar ó contrataque, que de pequeno sobrábame a imaxinación que cos anos empezo a botar en falla. Collín unha banqueta, leveina da cociña á barbería, subinme nela, púxenme de puntillas, estirei todo canto puiden o brazo e escribín uns garabatos no sitio máis alto da parede ó que din chejado. Así tivo que ser, máis ou menos, que doutro xeito ninguén pode explicar como logrei escribir tan aló arriba.

Despois, volvín a banqueta para a cociña, collín o estropallo e fun buscar a miña nai, que estaba cosendo na Wertheim. Díxenlle que viñera comigo e leveina onde estaba pintada a parede.

Sinalando para os garabatos escritos aló arriba na parede, onde eu polos meus propios medios era imposible que chejara, díxenlle todo serio:

¿Quien quibió aquí, eh, quién quibió? - que aínda non falaba ben de todo.

É a continuación púxenlle o estropallo na man.

Tanta graza lle fixo o conto á miña nai, que aceptou a leria e limpou, entre risas, a parede.

Evidentemente non me recordo de nada diso, que non chejaba eu ós catro anos. Pero tantas veces mo contou sorrindo cando fun facéndome home, e con tanto cariño mo contaba, que mesmo parece que estou vivindo ese día.

Chuzame! chuzame -


“LIBERTAD VIGILADA”

« 21 febreiro 2007 | 11:59 | Dijo eu ¿ou non?, Sempre no recordo | 16 Comments »

Recordo que aquel día de principios de 1957 (aló van 50 anos) chovera moito en Corme. Cando sentín chamar á porta da escola e vin asomar a cabeza de miña nai soupen que tiña que pasar aljo importante. Miña nai tiña que estar naquel momento atendendo á barbería na Trabe, e meu pai na chatarrería. Calquera, ata un neno inocente e paspallán coma min, tiña que desconfiar por forza.

Don José Manuel falou un momento na porta, e lojo, todo serio, veu xunta de min e díxome sen que apenas puidese ouvílo que saíse un momentiño.

Alí estaban miña nai e meu pai, e uns homes todo traxeados que eu non coñecía de nada. Non viñeran no Plymouth nejro que por aquel tempo tiña meu pai, o coche érame descoñecido , e iso que eu coñecía tódolos coches que había na redonda, mesmo polo ruído. Que ás veces estaba na casa, sentía fora o ruído dun coche e dicía: "Ahí va el camión de Víctor". E non fallaba.

Meu pai abrazoume coas bágoas nos ollos e non recordo ben se me dixo aljunha cousa, pero miña nai si que me falou. Máis serea (miña nai sempre foi máis forte) díxome que meu pai tiña que irse de Ponteceso por un tempo, non sabía canto. Pero que non me preocupara, que só serían uns días. E, sobre todo, que estivese sejuro de que meu pai non fixera nada malo, que non tiña que averjonzarme de nada.

Pasaron moitos anos antes de que meus pais me contaran o que tiña acontecido. E entón souben que ó meu pai levárono para o cárcere, unha vez máis, como consecuencia das súas ideas e por culpa dun funcionario cabrón.

Meu pai sempre fora un home de esquerdas. Cando foi do golpe de estado non dubidou e poñerse de lado da República. Alistouse contra o fascio pero moi pronto caeu preso.

Como tantos outros foi condenado a morte nun Consello de Guerra acusado de "rebelión militar " e ingresou en prisión o día 23 de outubro de 1937. Pero safouse de ser fusilado e logrou que lle conmutaran a pena de morte pola de trinta anos de prisión.

En realidade meu pai non fixo nada para evitalo, porque non pudo, que á forza aforcan. Pero, xa vedes o que son as cousas, tiña un amijo. "Dios dé un amijo aínda que sea no Inferno", sentenciaba sempre Mamá-Lela. E tiña razón, claro.

É certo que o amijo era falanxista, pero resultou ser máis amijo que falanxista. Así que este bo home buscou a maneira de poder axudar ó meu pai. E atopouna, que cando as cousas se buscan con xenio acaba un dando con elas por moi ajochadas que estean.

Remexendo nun sitio e noutro conseguiu falsificar a acta de nacemento de meu pai para así poder demostrar que era menor de idade. E así foi como ese amijo falanxista lle salvou a vida ó meu pai, e jracias a eso eu podo estar agora escribindo esto e vos, se cadra, léndoo.

Lojo viñeron os anos de cárcere en Burgos, en Figueirido... e a pena foi rebaixándose ata cumprir "soamente" sete anos.

Finalmente, un bo día, meu pai foi posto en liberdade. En realidade foi posto en "libertad vigilada". E esa era a condición na que vivía meu pai na Ponte, aquel día que viñeron a verme a media mañá á escola de Corme.

Non había na Ponte outro caso coma o de meu pai, que eu recorde. Os pais de tódolos meus amijos eran, todos e cada un deles, "adicto al Régimen" como figuraba nunhas folliñas que había que presentar para entrar na escola. Estas folliñas penso que viñan cubertas do concello, non sei precisar o dato. Pero si o que recordo moi ben o que dicía a folla miña referida ó meu pai: "Indiferente al Régimen".

¡Indiferente al Régimen meu pai! ¡Manda carallo!

O caso é que a consecuencia práctica de estar en “libertad vigilada” viña a ser que meu pai tiña que presentarse cada quince días (creo recordar) no xulgado da Ponte para dar fe que alí estaba, que non escapara nin nada diso. O funcionario do xulgado, un mal bicho que atendía por Corval, era o encarjado de testemuñar a presenza de meu pai. Pero como se vían tódolos días chejou un momento que lle dixo:

-Carlos, no te preocupes hombre, yo ya te veo por aquí. No hace falta que vengas por el juzgado cada quince días. Ya te aviso yo de vez en cuando y arreglamos.

Debo engadir que, polo que souben despois, á miña nai nunca lle justou nada esa trécola e sempre lle dixo ó ancarés que fose polo xulgado como tiña que ser. Pero a meu pai custáballe moito recoñecer que cando el ía, ela xa viña de volta.

Así que a partir daquela conversa meu pai deixou de acudir periodicamente polo xulgado. Ata que pasou o que tiña que pasar.

Parece ser que o día que o denunciou Corval, estiveran xuntos no bar de Cruz, na Ponte, onde meu pai xojaba a partida de dominó. Sabía moi ben pois, que meu pai non escapara da Ponte, onde estaba casado e tiña xa dous fillos... Pero tiña a disculpa de que meu pai non fora a firmar e decidiu amolalo, non recordo ben agora por que motivo. Que, a fin de contas, era unha venganza persoal.

Corval era falanxista.

Coma o amijo que lle salvou a vida a meu pai e do que non sei nen o nome.

Xa vedes que por encima das ideas están as persoas. E ó marxe daquelas hai tipos miserables e persoas xenerosas e honestas.

Dijo eu.

¿Ou non?

Chuzame! chuzame -