Remexendo no ordenador atopei esa foto, tomada xa vai para dous anos, os que levo sin bañarme nas pedras da Arnela, hai que joderse, na terraza da Torriña, o bar de Andrés, na Ribeira de Corme. Na parte dereita dela aparece o fillo do panadeiro da Trabe, Antonio coma o pai, chamado Toñito do Panadeiro de pequeno (e xa de por vida), e Forniños de alcume, dijo eu que nunca mellor posto.
Antes que ningunha outra cousa é preciso dicir que Forniños é unha boa persoa. Nese aspecto, o mellor que se pode dicir del é que non desmerece nadiña do seu pai, o finado Antonio, un deses homes nos que sejuramente estaría pensando Pondal, o bardo da Ponte, cando dixo aquilo de “bos e xenerosos”. Do pai heredou Forniños outras moitas cousas, ademais da bondade e do oficio, como a súa afición pola caza (que foi a menos) ou á lectura (que foi a máis), sobre todo da literatura galega. E tamén unha virtude engadida, que sejuramente el non apreciará no que vale: unha certa xordeira que lle permite non escoitar, cando o estima oportuno...
Forniños é aljo maior ca min, uns catro anos, pero a pesares desa diferenza de idade, que cando un é neno resulta considerable, fixemos naqueles tempos inesquencibles unha boa amizade.
A min justábame moito ir pola panadería para estar onda el facéndolle compañía mentres amasaba naquelas bacías enormes, veña voltas á masa, unha hora e outra, unha bacía e outra… Lojo deixala levedar, cortala en anacos, darlle forma de molete, incluida a reviravolta final para o "cornucho", e metela con aquelas grandes pas de madeira no enorme forno de leña. Parece que estou sentindo o ruído que facían arrastrándose polo chan do forno entrando e saíndo unha e outra vez …
Eu, véndoo traballar, admiraba en silencio aquela formidable musculatura que chegara a desenvolver a base dese durísimo exercicio e doutros moitos máis…Porque Forniños era un apaixonado do exercicio físico.
Na panadería tiña unha serie de artefactos destinados ó cultivo de tan nobre paixón, entre os que recordo perfectamente varios pares de guantes de boxeo, cos que xa teño propinado aljún que outro castañazo (recordo un moi soado que lle din a José Luis do Alcalde, da Ponte, que era un estilista consumado pero que, ás veces, como no caso que nos ocupa, descoidaba aljo a defensa…) e recibido outros moitos dos que, se non vos parece mal, prefiro non dar máis razón…
Pero o que máis me chamaba a atención eran unhas anellas penduradas das vigas do teito, nas que tentábamos, con razoable éxito pola súa parte, imitar o Cristo, figura que naqueles tempos só era quen de facer á perfección o malogrado Blume, Joaquín Blume, o primeiro ximnasta español que gañaría unha medalla olímpica de ouro, en Roma, de non mediar aquel tráxico accidente de aviación.
O exemplo de Forniños serviu para que eu, anque el sejuramente nunca o chegara a saber, me decidira por fortalecer o corpo á par que o espírito. E así foi como comprei un curso daqueles “a distancia” nun denominado Sanson Institut, que incluía unha serie de fascículos (creo recordar que eran unha ducia) un teléfono para consultas (¡manda carallo!), e uns tensores de seis cordas de goma autenticamente terroríficos… Con este material, mal que ben, cheguei a facer tamén eu certos progresos e mellorei considerablemente a miña musculatura, non sen moito sacrificio pola miña parte. Pero nunca, nin por asomos, tanto coma Forniños amasando pan…
A panadería de Antonio estaba (e está) subindo da Ferradura cara o Campo da Feira, pejada pola parte darriba o bar de Ramón do Barbeiro, que tiña no fondo unha pista de baile ó aire libre, e onde había un futbolín. A Forniños tamén lle justaba moito xojar ó futbolín, pero nesta disciplina penso eu (non sei o que dirá el) que non tiña nada que facer conmijo…E non creo que me desminta si dijo que lle janei moitísimas máis partidas das que el a min. Porque neste arte do fútbolín era eu un consumado especialista, mérito no que sejuramente tiña bastante que ver a moeda de realito que había que meterlle ó artiluxio se un quería sejir xojando despois de perder unha partida e non ter que cederlle o sitio os que estaban esperando. Que, sobre todo os sábados, había moita cola.
No que nunca lle janei nin de lonxe, foi ó pulso. Enfrontarse a ver quen tiña máis pulso era aljo moi habitual entre os mozos e os homes nos bares da Trabe e da Ponte, como noutros moitos sitios, supoño eu. Ás veces botábamos un pulso Forniños e máis eu, pero a cousa era que nada máis xuntar as mans xa eu tiña os nocellos contra da mesa…Claro que iso non me acomplexaba, pois levarlle o pulso a Forniños era tarefa imposible. Non coñezo ninguén da nosa idade que resistira moito tempo contra el. Neste aspecto considero que Forniños é o lexítimo herdeiro de Lelo de Evaristo un home a quen, cando eu era neno, ninguén lle chejou a levar o pulso…
A Forniños justáballe tamén moito xojar ó fútbol, aínda que non creo que tanto como a min. Cando tíñamos ocasión, é dicir, cando había alguén que tiña unha pelota, xojábamos na Ferradura, a curva con esa forma que enlaza a estrada da Coruña ó Campo da Feira. Alí ampliábase considerablemente, formando unha especie de explanada moi xeitosiña. polo que non era nada difícil para nos esquivar os poucos coches que interrompían o partido. Simplemente o que tiña a pelota berraba “¡Alto, alto!”, todos quedabamos quietiños e o coche pasaba polo medio sen máis problemas.
A non ser que o vehículo que tivese que tomar a curva da Ferradura fose o Forito de Antonio o Panadeiro cando viña da parte de Tella. Porque Antonio non era tan bo chofer coma panadeiro, que o seu non eran as novas tecnoloxías e, aínda que o Forito non era precisamente o Fórmula I de Fangio, tiña evidentes dificultades por moi a modiño que fose….
Así que sempre recordarei o lapidario aviso de Forniños cando sentía o inconfudible ruído do seu motor pola Fonte do Cuartel:
-¡¡Apartarvos, que aí ven meu pai!!
chuzame - 
