O aldrabonazo soou distante pero nítido, como dilatado no tempo, e espertoume producíndome unha inquietante sensación. Debían ser ás cinco da mañá, máis ou menos, e non comprendía eu quen podía chamar a esas horas nin o motivo de tal chamada na porta dunha casa de aldea.
Ribadevila é a última casa do lugar, e de aló cara arriba está o monte, e o vello camiño que leva a Cazuín, abandonado e cheo de maleza, coma tantos camiños da nosa terra que perderon a utilidade para a que foran feitos.
Sejuramente como froito da inquedanza que produce o descoñecemento da realidade, apoderouse do meu corpo (e do meu espírito supoño que tamén) un profundo desasosego tan semellante ó medo que faríase necesaria a presenza dun experto en sentimentos e sensacións para establecer a diferenza. E aínda así non sei eu…
Pensei en espertar a Lali, que durmía profundamente, pero descartei de inmediato tal posibilidade, porque con un que pase medo é máis que dabondo.
Así que, armándome de valor, decidín que o mellor era ir mirar pola ventá da habitación dos nenos (xa se sabe que para os pais os fillos son nenos sempre) situada mesmo enriba da porta das Penas, pois na porta do outro lado, a da Eira, non hai aldraba.
Pero non sei por que motivo fun cara a galería que mira ó sur, e non á porta das Penas, que da para o solpor. E alí diante de min, detrás dos cristais, mostrábase o espectáculo da noite estrelada en todo o seu esplendor. E, claro, abrín a ventá.
A pesares das luces da aldea distinguíanse nitidamente as estrelas máis coñecidas, mesmo para un profano coma min. Non só o Carro Maior, senón tamén a estrela Polar, que apunta a Churío, e tódalas outras do Carro Menor que moitas veces resultan difíciles de diferenciar.
Cara o oeste, onde se adiviñaba o resplandor de Betanzos ou quizais da Coruña, a dobre uve de Casiopea. E, sobre do Carro Menor, o Dragón, do que se distinguía claramente ata a cola, algo non demasiado habitual. Aló lonxe, por riba dos eucaliptos que rodean a Granxa polo este, cara Muniferral, destellaba inconfundible Vega.
¿E cal será aquela achegada a Vega, que tamén refulxe moito, anque non tanto coma ela? Dijo eu se non será Deneb… Arturo non, dende lojo, que ten que estar agora cara o Oeste...Mágoa que non ande por aquí aquel veterinario que foi veciño dos meus pais unha tempada, aló na Trabe, e que tiña un telescopio co que me ensinou a ver Júpiter e os seus satélites máis grandes (Europa, Io, Ganímedes, Calisto…), e as poucas cousiñas que sei do firmamento…
E así, con estas trécolas e outras máis, mirando as estrelas, sentín unha incríble sensación de benestar que mesmo foi quen de espantarme o medo. Polo que, nin corto nin perezoso, decidín baixar a ver quen raios podía ser o misterioso visitante.
Foi entón, xa no medio das escaleiras, cando recordei que o verán pasado rompéranos a aldraba da porta das Penas e aínda non puxéramos outra nova…
Volvín para a cama, cunha sensación aínda máis inquietante que nun principio. Porque camiño dela ocorréuseme pensar que aljo parecido o que me pasara no sono poderíame chejar a pasar cando estivera no buraco definitivo e o veciño do lado chamase por min repenicando na caixa cos seus nocellos.
E con esa idea rondándome a cabeza, fun quedando dormido pouco a pouco, sen deixar de cavilar en que, a fin de contas, todos estamos dende o propio nacemento máis ou menos mortos.
Ou como lle escoitei dicir un día non sei a quen, todos somos uns mortos que estamos de vacacións.
Dijo eu.
¿Ou non?
chuzame -