JIBAJE
Eu non sei, moito nin pouco, como teño que escribir Jibaje.
Pero neste caso en concreto non é por ignorancia porque non creo que exista ninguén no mundo que me saque da dúbida, pois, sejuramente, nunca aparecería escrita por ningures.
Jibaje era o nome que recibía unha das dúas partes nas que os nenos de Corme dividimos imaxinariamente o pobo aló polos anos 50. A outra era Ribera. Pero neste caso tanto a ortografía como a orixe do nome son moito menos confusos.
¿Pero Jibaje? ¿Que significa Jibaje? ¿Cal é a orixe dese topónimo? Non teño nin idea, e ás únicas veces que o vin negro sobre branco foi cando eu escribín tal palabra, como por exemplo para empregala como nick pola rede adiante... Así, si escribides Jibaje no Google, poderedes saber a miña dirección de correo de Yahoo, a que utilicei para a miña conta de Flickr...
E como a min dáseme por escribir coa j (manías de vellos), pois escríboo así, como o pronunciábamos. Que nesto sonche tan teimudo, polo menos, como Mamá-Lela, a miña avoa de Corme. Mamá-Lela, ¡que no se llama así, mujer! ¿E lojo como se chama, meu neno? Pues se llama "asado". Pois en Corme chamámoslle así. Punto final.
Pero volvendo ó asunto que me ocupa hoxe, o caso é que os rapaces de Corme fixemos unha división do pobo en dúas partes: Ribera e Jibaje. Foi unha división completamente artificial, inventada por non sei quen, ou por todos, ou por ninguén. Os seus límites non estaban escritos en ningures, pero eran aceptados por todos sen demasiadas discusións, aínda que sempre houbo contenciosos fronteirizos nunca resoltos de xeito totalmente satisfactorio para ambas partes.
Ribera chejaba dende a Ribeira á igrexa e á Fonte do Campo. Porque unha cousa era a Ribeira, e outra Ribera. A Ribeira, a vella Ribeira da miña infancia que antes fora praia da Ribeira, é agora esa parte a carón do mar, indo cara o peirao, onde se fan as festas, píntanse as jamelas, xojan os nenos, e os vellos, e non tan vellos, toman o sol na riñonera, xeitoso e amplo banco semicircular así bautizado pola súa cómoda forma e situación estratéxica que protexe dos ventos e quenta os riñóns...O lugar onde está, tamén, a Torriña, torre de vixilancia de canto ocorre no peirao.
Alguén dirá que a división non tiña color porque, formando parte a Ribeira de Ribera, ¿que lle quedaba a Jibaje? Pois nada máis e nada menos que todo canto rodea a praia da Arnela, na entrado do pobo, desde a que se podía acceder, vía sumidoiro, á fábrica de conservas en ruínas mellor conservada, das sete ou oito que chejou a ter Corme. Alí, onde estaba a silla eléctrica, randeeira que penduraba dende o teito da fábrica sobre unha pía de salgar, na que os de Jibaje "torturaban", a base de marealos, ós seus prisioneiros de Ribera para obter información...Pero esa é outra historia.
Así que mar por mar, un non sabe moi ben con que parte quedarse, se coa Ribeira de Ribera ou coa Arnela de Jibaje. Persoalmente, agora, non querería eu prescindir de ningunha delas...E xa que non é preciso escoller, teño a sorte de poder gozar das dúas.
As jerras tribais entre os exércitos de Ribera e Jibaje eran moito máis duradeiras que os períodos de paz, sempre efémeros. E en tempos de jerra non era nada recomendable para un neno de Ribera, coma min, penetrar e sobre todo permanecer, sen boa compañía, en territorio alleo.
Cada un dos bandos tiña a súa "fortaleza": a de Ribera era o Petón Froito, aló no monte do Carral, e a de Jibaje o Petón de Tobías, inmediatamente enriba da Paxariña, nun dos cumios do pobo. Dende este último sitio divísase unha extraordinaria paisaxe sobre a ría.
Pero cando os nenos de Ribera decidíamos subir aló non era para gozar da paisaxe, senón para tentar de botar ós de Jibaje fora do seu alcázar por aquilo de mostrar o noso poderío e superioridade. Tarefa, por outra parte, nada doada de levar a cabo e que finalizaba, con máis frecuencia do que fose recomendable, en estrepitoso fracaso. Pois o Petón de Tobías era (e sije sendo) un auténtico fortín, de difícil acceso mesmo para os nenos de Corme dos anos 50. Sobre todo si dende aló arriba chovían pedras, moreas de pedras lanzadas coa intención que todos podemos supoñer e, ademais, con envexable precisión...Porque os de Jibaje non tiñan peor puntería que nos, seino eu, como dan fe as inconfundibles feridas de jerra que conservo en diversas partes do meu corpo.
Claro está que había moitos días nos que podíamos subir ó petón sen perigo ningún, porque, evidentemente, aló arriba moitas veces non había ninguén. Pero ¿que mérito tiña iso? Así que as escaramuzas eran case sempre "programadas" por medio de retos cruzados.
E así, con estas trécolas e outras polo estilo, pasábamos o tempo e procurábamos divertirnos nun porto do mar practicamente illado do mundo, aló nos anos 50, no corazón da Costa da Morte. Eran tempos de moitas carencias e, a falta doutras cousas que viñeron despois empregábamos a imaxinación para saír da rutina e crear os nosos mundos. Sejuramente foi iso o que saímos janando…
Teño a certeza, tamén, de que todo aquilo acabou coa chejada da televisión e outros inventos tanto ou máis perniciosos que nos invadiron sen remedio. Supoño que agora os nenos de Corme non saberán nada de Ribera nin de Jibaje, nin falta que lles fará; e estou certo de que serán felices á súa maneira, como ocorre sempre cos rapaces que teñen a sorte de nacer en lugares nos que poden vivir como tales.
Pero aló no fondo do meu espírito resístome a crer que poidan ser tan felices como tiven a sorte de ser eu naqueles máxicos anos da miña infancia.
chuzame -
2007-09-21 at 11.47 pm
Que alegría volver a verte por aquí!! Espero que disfrutases moito das túas (merecidas) vacacións :)
Por certo, nunca escoitara un nome semellante ó de Jibaje… Seguro que ten que ter algunha razón… Vai ti saber!
Benvido de novo!
2007-09-22 at 4.29 pm
Xa me tarda ir por Corme para ver literalmente a onde chega Jibaje e poder sentarme na “riñonera”…
Unha aperta grande.
:)
2007-09-23 at 12.06 pm
Pensando nesas guerrillas callejeras da nosa infancia dos rapaces da cima da aldea contra dos rapaces do fondo da aldea e lembrando aquelas liortas dos mozos dunha aldea contra dos mozos da outra aldea, non é difícil entendela realidade contemporánea, occidente, oriente…
En canto a felicidade, anque non contemos con tecnoloxía para medila, posiblemente teñas razón, a imaxinación dos nenos doutros tempos era o seu maior tesouro para fabricar mundos e soños.
Unha aperta de bímbio.
2007-09-23 at 12.37 pm
Imaxinación síguena tendo, polo menos algún deses lares, iso si, non sei se son da Ribera ou de Jibaje, porque para que un rapaz de 6-7 anos (tiña fai 8 anos…) che diga que a mellor forma de secar uns calcetíns e un chandal sexa metelos nun microondas, xa fai falta ter imaxinación … e moita …
P.D. eu case apostaría que era e é de Jibaje …
2007-09-23 at 11.24 pm
Quen dixo que ninguén sabe o significado de Jibaje?, vostede ven de explicar o único significado que pode ter…
Se non o leu Ninsesabe, recoméndolle “O enigma de Embívicus” de Xosé Antonio Perozo, e un libro xuvenil, pero a min estas lembranzas súas lembráronmo. Coido que lle vai gustar.
Un saúdo.
2007-09-24 at 12.08 pm
Ai, esas guerras tribais entre nenos como me lembran a miña infancia!
2007-09-24 at 3.22 pm
Precioso e nostálxico…
2007-09-24 at 5.32 pm
Os que fomos cativos nos 80 tamén tivemos eses episodios de territorialidade belicosa, pero pregúntome si sobrevivirían, non só á televisión e a Play Station, sinon á vida cada vez máis urbana, convencional e comercial.
2007-09-25 at 7.59 pm
Estou de acordo con F. Miguez, os dos 80 tamén tíñamos as nosas cousas, ainda recordo os famosos “mazaazos”, dun lado ó outro do río a zumbarnos con mazás… o rei era o que non visitaba nunca o centro de saúde… é dicir, non había rei.
Se teño que escoller, prefiriría ter a Play Station naquela época e xogar cos meus amigos na casa, e non abrirnos a cabeza con mazás á beira do río (e despois xogarnos o pescozo escapando do dono das mazás, que xa tiña mala hostia o nacho!
Un saúdo.
2007-09-26 at 9.25 pm
Heille de preguntar a un dos Generales de División mais importante daquela época ainda con vida, (Gelucho de Vitorina)e aver se me pode decir de donde veu Jibaje